23/10/2021

UN DÍA NA RIBEIRA DO RÍO TRONCOSO

VENRES, 22 DE OUTUBRO DE 2021  

Nós, o alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º de Primaria, gozamos dunha marabillosa xornada de actividades de Educación Ambiental na Reserva Natural Fluvial do Río Troncoso organizada pola Confederación Hidrogáfica do Miño-Sil (Ministerio de Transición ecolóxica e Reto Demográfico).


                  


Os catro monitores desta organización, Ángel, Blanca, Miriam mais Adrián, encargáronse de levarnos pola ribeira do río desde Pontebarxas ata o encoro da Frieira. 


Algúns de nós xa coñecían esta ruta por viviren na contorna. Mais o percorrido resultou moi diferente e aprendemos a observar a nosa natureza e descubrir unha morea de cousas sobre plantas e animais terrestres e acuáticos.

Durante todo o traxecto, parabamos a miúdo para identificar árbores e arbustos (carballos, faias, castiñeiros, carballos, salgueiros, loureiros, érbedos...). Os nosos guías explicáronnos o que eran as EEI (Especies Exóticas Invasoras) que atopamos no camiño: eucaliptos, acacias, canas, bambús e orellas de gato. Sabemos agora o perigo que supoñen para a vexetación autóctona e a destrución da biodiversidade.

   

Dúas horas despois, chegamos a un sitio na ribeira do río onde os monitores organizaron unha serie de talleres para converternos en verdadeiros biólogos!!!! Pero antes recuperamos forzas, xa que era a hora de xantar...

                                                             

 O taller de macroinvertebrados permitiunos observar e identificar distintos tipos de larvas de insectos acuáticos que Ángel foi recoller con seu traxe de pescador e a súa rede.

E por último, a través de diferentes xogos recoñecemos plantas, árbores, paxaros e pegadas de animais.

Foi unha xornada moi intensa e divertida onde aprendemos que temos que protexer a nosa contorna, especialmente os nosos bosques e ríos!!!



17/10/2021

Descifrando a Historia. Pequenas pílulas de coñecemento para seren ouvidas

"A idea xurdiu durante o confinamento. Eu estaba naquel momento en Francia e levaba un tempo buscando proxectos que falasen sobre a historia de Galiza, mais vin que ese espazo estaba bastante baleiro. Foi aí cando comecei a pensar que estaría ben que existise un espazo de difusión e de debate para tratar a nosa historia, e tomei a decisión de crealo eu. Optei polo formato audiovisual, e en específico o podcast, porque era o que máis se axustaba ao que eu quería facer.

 Quen así se expresa é David Xesteira, historiador, divulgador e fundador nas redes sociais da serie de podcast Descifrando a Historia. Pretende con esta exitosa iniciativa -que ten apenas de vida un ano- achegar pasaxes da nosa historia quizais pouco consabidas, aquelas que non aparecen nos libros de texto e que son ás veces a parte da anécdota, mais que contribúen a completar o porqué de hoxe sermos a sociedade que somos.   

Alén de inspiradora e pedagóxica, a iniciativa de David Xesteira resulta en verdade imperdible, un legado de testemuños autorizados ao alcance dun play, xa que ademais conta coa colaboración de especialistas nos temas que aborda, como son o historiador Xulio Ríos, a filóloga Marilar Aleixandre ou o comunicador e profesor Manuel Gago (o vindeiro 6 de novembro).

Aquí vos deixamos un exemplo e a ligazón a unha entrevista en Nós Diario.Agardamos que vos encante e que vos enganchedes á podHistoria!

O contrabando na raia entre Galiza e Portugal.


Concurso de portas terroríficas


Benvidas e benvidos ao curso 2021/2022 no CPI de Padrenda! Desde este espazo o Equipo de Dinamización da Lingua Galega saúdavos e anímavos a participar no Concurso de portas terroríficas. Durante as vindeiras dúas semanas decoraredes as portas das vosas aulas con motivos arrepiantes, que provoquen verdadeiro pavor de só pasarlles por diante... E é que xa chegou o samaín

De modo que a enxeñar ideas terroríficas para vestir as portas. Tende en conta o verdadeiro significado desta festividade para a nosa cultura (podedes ler na ligazón de máis arriba sobre o tema). Os grupos premiados obterán un obsequio para tolear as cabezas... Buuuuuuuuh!

20/06/2021

A NOSA MEMORIA A TRAVÉS DA FOTOGRAFÍA

 Letras, lingua, cultura, sérvennos para cubrir o exterior e o interior coma a vestimenta e os complementos. Estes, como se pode ver nesta exposición, varían ao longo do tempo pero... SEMPRE SON ESENCIAIS !


PROTEXAMOS E AMEMOS 

O GALEGO 

COMO PARTE DE NÓS!!!!




19/06/2021

PLÁSTICOS A MARES...

Con este pequeno vídeo, as nenas e nenos de 5º e 6º de Primaria queren denunciar a contaminación provocada polas toneladas de plásticos que se verten cada día nos mares. Propoñen varias alternativas para reducir os plásticos na nosa vida cotiá.

Escoitamos esta mensaxe ecolóxica...




LIGA DEBATE: GRANDES FINAIS...

 O xoves 17 de xuño de 2021, celebráronse na nosa Biblioteca as dúas grandes finais da Liga debate.

Alejandra, Dani e Manuel de 1º da ESO enfrontáronse a Daniel, Julián e Martín de 2º, propoñendo alternativas a un hipotético castigo dun profesor.

Por outra banda, José e Manuel de 3º da ESO debateron con Aarón, Daniel e Íker de 4º facendo suxerentes propostas de viaxes de final de curso.

Os profesores de Lingua galega e Lingua castelá, Carmen e Rubén, tivérono ben difícil... Por iso, a decisión final foi outorgar dous premios ex-aequo a todos os participantes.


 Parabéns ás oradoras e aos oradores!!!!👏👏👏👏







14/06/2021

DÍA NACIONAL DAS LINGUAS DE SIGNOS ESPAÑOLAS

Hoxe, luns 14 de xuño de 2021, celebramos  Día Nacional das Linguas de Signos Españolas. É dicir, da lingua de signos española (LSE) e da lingua de signos catalá (LSC). Ambas linguas foron recoñecidas pola Lei 27/2007 do 23 de outubro, hai xa 14 anos.

Como podes ver as linguas de signos non son universais, aínda que si proporcionan a felicidade mundial da comunicación entre os seus usuarios. Moitas persoas sordas utilízana como principal medio de comunicación. Hoxe, baixo a etiqueta #ytuporquesignas moitas delas explicarán o que significa esta lingua nas súas vidas.


Un sáudo solidario desde Padrenda cos alumnos de 2º de ESO:


 



Enigmas para o Mes da Ciencia en Galego en Crespos

Desde que, no ano 2001, a UNESCO declarou o 10 de Santos como Día Mundial da Ciencia para a Paz e o Desenvolvemento, novembro pasou a ser pa...